A Free Software Foundation (FSF) -Fundación polo Software Libre- é unha organización sen ánimo de lucro fundada por Richard Stallman para apoiar o movemento polo software libre (free significa neste caso libre e non necesariamente gratis, a outra acepción que a palabra ten en inglés) e, en particular o proxecto GNU.
Desde a súa fundación até mediados da década de 1990, os fondos da FSF destináronse principalmente a pagar a programadores para que escrebesen software libre. A partir de mediados ou finais da década de 1990 existen xa moitas compañías e autores individuais que escreben software libre, de xeito que os empregados e voluntarios da FSF traballan fundamentalmente en asuntos legais e estruturais en beneficio da comunidade do software libre.
A FSF dispón dos recursos e a vontade para facer cumprir a GPL e outras licenzas GNU, se ben só para o software do cal posúe os direitos; o software publicado segundo a GPL pero propiedade doutros debe ser defendido polos seus propietarios dado que a FSF non conta con sanción oficial para facer cumprir a GPL por eles. A FSF trata unhas 50 violacións da GPL cada ano e tenta que a outra parte se aveña a cumprir sen necesidade de recorrer aos xulgados. Até xaneiro de 2004 ninguén ten levado a FSF a xuízo sobre unha disputa por copyright.
A FSF detenta os direitos de todo o software de GNU e de algún software libre non GNU. Require que toda persoa que contribúa para os pacotes de GNU ceda os seus direitos de maneira que o software poida ser defendido diante dun tribunal se se produce unha disputa e para que, de ser preciso modificar a licenza dunha obra, se poida facer sen ter que contactar con todas as persoas que nalgunha ocasión contribuíron co seu traballo para ese software.
O Directorio do Software Libre
É unha listaxe de pacotes de software que se ten comprobado que son software libre. A entrada de cada pacote contén 47 informacións tais como a páxina web do proxecto, programadores, linguaxe de programación, etc. Os obxectivos son fornecer un motor de procura para o software libre e unha referencia para que os usuarios poidan comprobar se un pacote foi identificado como software libre. A FSF ten recebido unha pequena cantidade de fondos da UNESCO para este proxecto. Espérase que o directorio poida ser traducido a moitos idiomas no futuro.
Maintenimento da Definición de Software Libre
A FSF mantén moitos dos documentos que definen o movimento polo Software Libre.
Formación Legal
A FSF organiza seminarios relacionados con aspeitos legais da utilizacion da GPL e ofrece un servizo de consultoría para avogados.
Aloxamento de Proxectos
A FSF fornece aloxamento para proxectos através do seu sitio web (Savannah).
O 25 de novembro de 2002 a FSF ofreceu o programa de Membros Asociados para individuos. En abril de 2004 tiña máis de 2044 membros asociados. O 5 de marzo de 2003 lanzou un programa de Padroado Empresarial para organizacións comerciais. En abril de 2004 contaba con 45 padroeiros empresariais.
Habitualmente traballan dez persoas na sede central de Boston, Massachusetts. A oficina está coordenada por Bradley Kuhn.
Organizacións irmás
En 2001 fundouse en Alemaña a Free Software Foundation Europe (Fundación para o Software Libre - Europa) coa finalidade de actuar como "concentrador" das organizacións polo Software Libre da Europa. En 2003 fundouse en Kerala a Free Software Foundation India (Fundación para o Software Libre - India). O 19 de abril de 2001 fundouse na Francia a Free Software Foundation France (Fundación para o Software Libre - Francia). No vixésimo aniversario do Proxecto GNU (5 de xaneiro de 2004), fundouse a Irish Free Software Organisation (Organización polo Software Libre - Irlanda) para promocionar o software libre en Irlanda.